Monday 16 de September de 2024

O Concello de San Sadurniño conclúe os procesos abertos para a estabilización de persoal laboral


En total foron 22 postos os que se cubriron en cumprimento da normativa estatal de redución da temporalidade nas Administracións públicas

 

A sala da alcaldía do Concello de San Sadurniño acolleu onte pouco despois do mediodía a sinatura dos contratos das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar, que acaban de superar o proceso extraordinario de estabilización do emprego temporal de longa duración convocado dentro da oferta de emprego público de 2022. Son doce profesionais que adquiren desta maneira a condición de persoal laboral fixo do Concello, rematando nalgúns casos con máis de dúas décadas de incertidume con respecto ao seu posto de traballo. O alcalde, Secundino García, cualificou como “un fito” a regularización definitiva da relación contractual entre as traballadoras “dun servizo fundamental para a veciñanza” e o consistorio. O rexedor informou ademais que coa conversión das traballadoras do SAF en laborais fixas conclúe a serie de convocatorias mediante as que foron estabilizados 22 postos do cadro de persoal municipal.

Todos estes postos, distribuídos por distintos departamentos, constaban na RPT do Concello consensuada polo Grupo de Goberno e a representación sindical do funcionariado e o persoal laboral. En maio do ano pasado publicouse no Boletín Oficial da Provincia a oferta de emprego público do Concello para o ano 2022, centrada integramente na estabilización dos postos que tiñan un carácter temporal.

O anuncio, publicado en cumprimento da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, foi seguido dunha sucesión de convocatorias coas correspondentes bases sobre o sistema de provisión das prazas de persoal laboral fixo, todas elas mediante concurso.

Neste sentido, en escaso ano e medio completáronse os procedementos dos 12 postos do SAF, o da praza de arquitecto/a municipal, una de axente TIC, a de axente de Igualdade, a de animación sociocultural, a de técnico/a de Deportes, unha de peón/oa e outra de operario/a de maquinaria, a do servizo de Educación familiar, a de auxiliar de administración en Servizos Sociais e a de técnico de Desenvolvemento Local, a única ocupada finalmente por un profesional distinto do que veu desenvolvendo esa función nos últimos anos.

O alcalde, Secundino García, agradeceu o traballo efectuado polo concelleiro de Xestión interna, Manolo Varela, apoiado pola secretaría e os servizos administrativos municipais, “para que todos os procesos convocados se resolvesen dentro dos prazos e sen retrasos inecesarios, a pesar da complexidade que implicou a súa tramitación”.

Da mesma maneira, García destacou que a estabilización do persoal laboral “é un fito, por tratarse da convocatoria de persoal de maior envergadura de todas cantas ten acometido o Concello de San Sadurniño”.

Alén do proceso de estabilización, o Concello tamén acometeu desde 2022 a cobertura de varias prazas vacantes de persoal funcionario, concretamente dúas para os servizos administrativos e a correspondente á traballadora social. Ademais está a piques de concluír o proceso selectivo da praza de oficial/a de maquinaria e proximamente efectuaranse as probas do posto de administrativa/o de secretaría, neste último caso tamén de estabilización pero mediante concurso oposición.